Concello de Teo


Portada | Coñecendo Teo | Turismo | Santa María de Lampai

Compartir:

Santa María de Lampai

Esta igrexa, localizada na parroquia de Lampai, na aldea de Mosteiro, é a que ten o maior valor arquitectónico do concello. Está localizada no medio dun val onde existía un mosteiro, o de San Paio, que foi incendiado polos veciños en rebelión dos abusos sufridos polos monxes. Deste mosteiro queda o topónimo da súa localización.

A igrexa actual é de orixe románica e segue a conservar desa época a base estrutural, que conta cunha ábsida case cuadrangular e unha nave rectangular. Ademais destaca a fachada, na que hai un campanario; a porta, situada nesta fachada, está rodeada dunha dobre arcada de medio punto volteada sobre cadansúa columna acaroada. Tamén son salientables os arquiños lobulados da arcada superior.

No interior da igrexa, destaca a capela maior cuberta cunha bóveda de canón sostida por dúas arcadas de medio punto, subliñando o arco triunfal de entrada que se voltea sobre as columnas acaroadas de capiteis vexetais.
Vista panorámica de Lampai

Vista panorámica de Lampai

© 2008 Concello de Teo. Travesía da Ramallosa, nº 38, 15883 A Ramallosa - Teo (A Coruña). Teléfono: 981 81 57 00