A Xunta de Galicia outorgou por fin a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación de Teo. Despois de nove anos de tramitación o Concello xa dispón dunha norma urbanística integral para o seu desenvolvemento nos vindeiros anos.
Despois de publicada a orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras con data 7 de xuño de aprobación definitva o Plan Xeral terá que ser publicado integramente no BOP antes da súa entrada en vigor.
Unha vez en vigor “o prioritario é o desenvolvemento do polígono industrial da zona de Montouto, que permitirá comezar a solucionar o problema de deslocalización de moitas empresas de Teo e ofertará solo industrial a outras industrias que queiran medrar ou ubicarse no Concello” explica o rexedor.
O PXOM teense ten unha previsión de crecemento de algo máis de 8.500 vivendas. Por tipo de solo prevese a construcción de 2.497 vivendas en solo de núcleo rural (das que 947 serían en núcleos de orixe e 1.550 en áreas de expansión); 342 en solo urbano consolidado; 3.786 en solo urbano non consolidado e solo urbanizable delimitado e 1.603 en solo urbanizable non delimitado. A estas hai que engadir unha 348 vivendas pendentes de construcción en plans parciais que xa se están desenvolvendo pero aínda non están rematados.
A nivel empresarial Teo contará cun gran polígono industrial de case 700.000 metros cadrados na zona de Montouto, ó carón de Santiago e nunha zona na que xa existen xa un grupo de empresas instaladas. Ademais deste na zona da Ramallosa tamén se prevé un polígono coñecido popularmente como “escaparate” de 142.000 metros cadrados para empresas que teñan unha actividade máis comercial.
O documento aprobado pola Xunta foi refrendado en pleno coa súa aprobación provisional o pasado 20 de abril de 2010.