Concello de Teo

Portada | Actualidade | Novas

Imprimir Enviar

Novas

URBANISMO

Trasládase á Fiscalía que Mahía non constituiu o aval dun millón de euros polos gastos de urbanización de Augas Mansas no 2000

13/03/2009

O alcalde de Teo, Martiño Noriega, explicou esta mañá en rolda de prensa que no Concello non consta un aval por valor de un millón de euros en concepto de garantía polas obras de urbanización de Augas Mansas, que foron impulsadas e executadas pola promotora Mahía Santiago S.L. dentro do Plan Parcial SAU-4 no ano 2000.

Esta denuncia foi trasladada polo equipo de goberno á Fiscalía a mediados de febreiro. Segundo explica o rexedor teense hoxe convocamos aos medios porque “non podemos amparar determinadas actitudes co silencio e consideramos que a xente debe saber a raíz de moitas situacións actuais complexas herdadas coas que moitas veces debemos lidiar pero das que non queremos ser cómplices”.  

 

No día de onte entrou no Concello un escrito da Fiscalía do que se deduce que se abriron dilixencias informativas sobre o tema e no que se solicita información do Concello a maiores do que xa lle foi trasladado.

 

O proxecto de urbanización definitivo de Augas Mansas foi aprobado o 26 de xuño de 2000 polo entón alcalde, o popular Armando Blanco. A promoción desta urbanización esixía por lei a constitución dun aval como garantía polo costo das obras de urbanización no caso de realizar a urbanización e as edificacións de xeito simultáneo como se daba neste caso. Segundo consta no expediente as primeiras licenzas de edificación apróbanse un mes despois da aprobación do proxecto de urbanización na Xunta de Goberno Local do 31 de xullo de 2000. Cabe destacar que o ex alcalde, Armando Blanco, auséntase desa sesión por ser parte interesada nesta promoción urbanística.

 

Cando o goberno municipal actual toma posesión o 15 de xuño de 2007 realízase unha acta de arqueo na que figura unha relación de avais existentes na caixa da corporación. Nese documento aparece un aval por valor de 1.000.000 euros a nome de Mahía Santiago en concepto de Urbanización SAU 4 con data 19 de xuño de 2000.

 

O alcalde explica que neste momento “podemos asegurarvos que esta acta de arqueo non se corresponde coa realidade”. Martiño Noriega explica que “o traspaso de poderes en xuño de 2007 realizouse sen axustarse á realidade e lamentablemente xestionamos unha herdanza envelenada”.

 

A urbanización de Augas Mansas neste momento non está recepcionada polo Concello porque non se cumpren todas as circunstancias necesarias para ese trámite. Esta circunstancia é a que “converte en verdadeiramente grave a falta da garantía que debía ter presentada a promotora” matiza o alcalde.

 

Durante esta lexislatura mantivéronse diversos contactos coa empresa Mahía e coa asociación de veciños da urbanización de cara a buscar unha solución á situación actual. Ante a sospeita de posibles irregularidades no mes de xaneiro solicitouse que o departamento de intervención municipal comprobase os avais existentes na caixa municipal vinculados coa urbanización e o cotexase coas entidades bancarias.

 

A entidade financeira na que se supón que estaba constituído ese aval de algo máis dun millón de euros comunica que non lle consta ningún aval aínda que si existe unha solicitude de constitución de aval tramitada no 2000 pero que nunca chegou a ser realidade. Comprobando a caixa forte da corporación constátase que non existe ningún aval. A realidade é que o que se certificou na acta de arqueo realizada na toma de posesión do alcalde como un aval é unicamente unha solicitude.

 

No ano 2000 o Concello “aceptou como garantía polos gastos de urbanización dunha promoción inmobiliaria un papel que non ten ningún valor cando o aval necesaria pola entidade da obra era dun millón de euros” destaca o alcalde.

 

O alcalde explica que “entendemos que as dúas partes teñen unha responsabilidade da que deben responder, xa que a empresa debe ser perfecta coñecedora de que debe presentar un aval debidamente constituído e o Concello tiña a obriga de comprobar que ese documento respondía a un aval real”.

 

No momento actual “estamos obrigados a xestionar unha situación complexa na que sen dúbida o máis importante son os veciños e veciñas da urbanización polo que queremos mandar unha mensaxe de tranquilidade sobre todo a eles” explica Noriega. Actualmente o Concello ten que comprobar que a realidade da urbanización se corresponde co proxecto de urbanización presentado naquel momento. Para eso encargouse xa un levantamento topográfico que ofreza datos reais e que permitirá que os técnicos municipais informen das actuacións necesarias por parte da promotora para poder efectivizar a recepción das vivendas.

 

O alcalde destaca que “estas situacións xeneráronse en Teo por unha política en materia urbanística que non se pode volver a repetir”.

Augas Mansas

+ Novas